venres, 25 de novembro de 2016

VIOLENCIA DE XÉNERO










UGT-Galicia esixe un Pacto de Estado contra a violencia de xénero acompañado dos recursos necesarios

As administracións locais deben recuperar e incrementar as súas competencias nesta materia e as subdelegacións do Goberno teñen que asumir un papel máis efectivo na coordinación

                                                                                                                                  

                                                                                                                                  

A secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez; a secretaria xeral da Federación galega de empregados e empregadas dos Servizos Públicos (FeSP-UGT), Delia Irene Martínez; e a secretaria de Igualdade desta Federación, Ángeles Villarnovo, ofreceron hoxe unha rolda de prensa en Santiago con motivo da conmemoración mañá do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Neste contexto, Mónica Rodríguez insistiu, un ano máis, en que a violencia que se exerce sobre as mulleres é unha realidade que é necesario mudar poñendo á súa disposición todos os recurso necesarios e actuando en todos os ámbitos que corresponde.
Porque os datos seguen aí e son inadmisibles. No ano 2015, un total de 60 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas, das cales oito eran galegas, sendo así esta a terceira comunidade onde máis asasinatos desta índoles se produciron. No que vai de ano, con datos pechados a 18 de novembro, xa van 39 mulleres asasinadas, unha delas galega, e non se poden esquecer os 25 menores que, por mor desta violencia, quedaron orfos.